A notícia referenciada, em galego, é como segue:
VALENÇA
- Autor: M.Torres
- Data de publicación: 13/10/08
Valença contará con non unha senón dous terminais para o AVE en cinco anos.
A confirmación oficial acaba de facerse pública no marco da cerimonia de constitución da Comunidade Intermunicipal do Alto Miño e as reaccións non se fixeron esperar. Especialmente a do rexedor valenciano, José Luis Serra, quen recoñeceu que «non foi un logro fácil».
O alcalde explicou que, nestes momentos, estase realizando o estudo de impacto ambiental para a localización dos terminais, «un específico para mercancías na propia plataforma loxística (na zona da Gándara) e outra no centro do municipio, para os pasaxeiros). Se os calendarios previstos cúmprense, algo sobre o que o propio alcalde expresa as súas dúbidas, no 2013 estará concluído «un proxecto xigantesco que vai transformar o municipio». Serra refírese non só ás potencialidades de ser a única localidade lusa (ademais de Braga) que dispoña dunha parada propia para o tren de alta velocidade entre O Porto e Vigo, senón da conclusión da futura plataforma loxística, que porá o colofón a máis dunha década de consolidación industrial de Valença na que os galegos tiveron moito que ver copando máis do corenta por cento da superficie empresarial que habilitou o goberno local.
Un consorcio privado adquiriu xa a maior parte das preto de 250 hectáreas das que disporá a plataforma. Segundo avanzou o rexedor e economista, «en novembro asinarase o convenio entre este ente e o Goberno do Estado» para executar as obras e, a partir de aí, comezarán os traballos para converter estas macro instalacións nunha realidade. O complexo, que suporá un investimento privado de cen millóns de euros e a creación de varias centenas de postos de traballo «funcionará como interposto aduaneiro, coas súas correspondentes vantaxes fiscais, permitindo a localización de empresas de loxística, tanto de transportes por estrada como de tren ou portuarios».
Sem comentários:
Enviar um comentário